Avisar de contenido inadecuado

Dúas mulleres de Nicaragua en Lugo.

{
}

Chilo e Norma, invitadas pola ONG luguesa Axunica. Dúas nicaraguanas en Lugo. «Son Noma Eliza, son Chilo Talavera», preséntanse. «Son nai de catro fillos e estou aquí pola graza de Deus» –di Chilo, que nada ten que agradecer a unha xerarquía eclesial soberbia que vive á sombra do poder e de costas ó pobo.

Cruzaron o charco cada vez máis pequeno do Atlántico e saltaron nunhas poucas horas a infinita distancia que separa dous mundos.Na realidade, é o mesmo mundo con dúas caras ben diferentes. Ou quizais son moitos mundos viaxando como descoñecidos no mesmo planeta.

«Allá nada funciona, acá todo está bien» di Norma Eliza, mentres tentamos explicarlles a miudeza dos nosos problemas, falarlles da nosa crise, poñer cara e nome ós nosos parados. Quedan mirando moi atentamente sen entender algo perfectamente incomprensible. E moi sangrante: onde a xente pasa fame non se entenden os mortos polo exceso de comida e polo colesterol. Dan grazas a cada momento. E sorrín: Nicaragua. Contan que elas viven na pobreza pero cada día, no seu traballo, poden baixar varios chanzos e comprobar que a pobreza ten distintos graos. «Eu teño unha cama moi humilde, pero outros só teñen un plástico
sobre paus. E de cama, dúas táboas». Din.

Nun mundo, o seu, que tantos depredadores foron esgazando do paraíso e onde apenas poden comer unha vez ó día, estráñalles a superabundancia de alimentos, a oferta ilimitada de comida en supermercados e hipermercados. Todo o que sobra. A comida que acaba no lixo. Nenos tan gordos. E tanta xente tomando a diario… «Pero, saben? aquí a xente non sorrí».

Son dúas mulleres nicaraguanas. Chilo e Norma Eliza. Son ben conscientes de que non poden seguir vivindo sempre das axuda dos máis ricos, de benintencionadas ONGs que poden condenar a unha dependencia crónica. «Pero, ahorita, di Chilo, hai tanta inxustiza, tanta desigualdade que non podemos prescindir da vosa axuda».

Ofende, claro, a distancia obscena dentro de Nicaragua, entre os infinitamente ricos e os infinitamente pobres. É un escándalo e unha indecencia a traizón ó pobo dos que gobernan. Dos que enterraron a esperanza do sandinismo no fango da corrupción e dos modos dictatoriais: Daniel Ortega.

Miran a crise estas mulleres admirables con ollos moi redondos. Por eles irradia unha poderosa luz interior, a que as leva a traballar con tantas mulleres de Santa Ana, Aguas Agrias, Tepalón, Nuevo Amanecer, El Tabacal para manter vida a esperanza. Para manter vivos os máis febles.

As últimas frases da conversa con estas dúas mulleres esvaran como bágoas. E sen embargo hai un futuro posible cando se escribe co sexo forte feminino. O de Chilo Talavera. O de Norma Eliza Chavarría. Dúas mulleres nicaraguanas en Lugo.

Juan Antonio Pinto Antón

{
}
{
}

Comentarios Dúas mulleres de Nicaragua en Lugo.

Este Pinto escribe ben, había que aproveitalo para máis escritos que haxa que facer. Senón sempre podemos recurrir ao rapaz dos cabelos de ouro, creo que se chama Jorge (ese que se parece a Shakira pero con barba). Xa contades...
BICOS
Santi Santi 12/12/2009 a las 00:50
A Chilo máis a Norma chamáballes a atención que por estes lares non sorríamos. Sempre daba a sensación que andábamos anoxados.
Pois agora que remata o ano, a ver se melloramos ese e outros aspectos. Sería bo para nós mesmos e para o resto.
pablo pablo 12/12/2009 a las 12:42

Deja tu comentario Dúas mulleres de Nicaragua en Lugo.

Identifícate en OboLog, o crea tu blog gratis si aún no estás registrado.

Avatar Tu nombre